top of page
Writer's pictureSondanza

5 actividades para principiantes

Despois de mergullarnos no mar, no río ou na piscina, en Sondanza convidámosvos a mergullarvos en novas actividades para divertirse bailando e movendo o corpo ao son dos ritmos que vos traemos do outro lado do Atlántico.

A partir deste luns 4 de setembro, convidámosvos a bailar danzas urbanas nacidas nos Estados Unidos (das que xa vos falamos nestoutro post no que tedes máis información) a través das nosas clases de baile urbano, nivel iniciación, os xoves ás 19h.

Da escena máis rompedora de Norteamérica, combinada con técnica clásica, xorde o tacóns, ou heels, que ten máis chicha e é máis divertido que só “bailar con tacóns postos”. Este estilo de danza permite proxectar emocións que van desde a sensualidade e a elegancia até pura enerxía, que imos aprender a expresar cos ritmos máis empoderadores os luns a partir das 21h.

No contexto destas dúas actividades imos facer coreografías acompañando éxitos de música pop, hip hop e moitos outros estilos, polo que non podedes perder a oportunidade de probar!

Desde as augas do Caribe até as do Sar traemos dous tipos de danzas diferentes. Por unha banda, os ritmos afrolatinos de salsa e bachata nas nosas clases de iniciación aos ritmos latinos os martes ás 20h, para desfrutar as sensacións que só bailar en parella pode dar. Por outra banda, ofrecémosvos a diversión e a celebración do corpo que nos proporciona o reggaetón no noso grupo dos xoves ás 21h, para non deixar músculo sen mover.

E para preparar o corpo para o movemento, xa for de baile ou para o noso benestar no día a día, introducimos este ano clases de ioga, que nos van permitir tomar consciencia do noso corpo á vez que traballamos a nosa flexibilidade e respiración. Os venres ás 17h temos a ocasión de desconectar do estrés do cotián e ao tempo que reconectamos connosco.

Tanto nesta semana de portas abertas, do 4 ao 8 de setembro, como ao longo do curso, desde Sondanza animámosvos a descubrir novas sensacións e novas formas de sentir o corpo, o movemento e, moi importante, de desfrutar.



Podes ver os horarios destas clases de baile en Sondanza aquí e reservar unha clase de proba durante a nosa semana de portas abertas do 4 ao 9 de setembro!


42 views0 comments

Comments


bottom of page