top of page
Writer's pictureSondanza

Galicia, danza e identidade.

A danza e outras formas de expresión corporal son elementos culturais que fan parte esencial do ser humano e do patrimonio dos pobos que conformamos ao longo de todo o planeta. Deste xeito, hai estilos de danza e bailes que acaban por ser característicos dun grupo ou colectivo concreto, dun país ou dunha rexión determinada, e que levan impresos outros elementos da súa identidade. Exemplos disto son ritmos nacidos no continente americano, pois en moitos deles apréciase a influencia da migración masiva de persoas de África cara a este continente coa colonización a través de movementos corporais típicos de tribos e culturas asentadas no continente africano.

Máis perto da casa, en Galicia actualmente báilase unha enorme variedade de estilos, a maioría deles orixinados noutros países ou, máis frecuentemente, noutros continentes. Non obstante, temos tamén ritmos e danzas que herdamos dos nosos antergos, das nosas nais e avoas, e elas das que viñeron antes, o que chamamos música tradicional, que recupera formas de danza históricas e tamén as actualiza ao marco social e cultural galego de hoxe. Bailes típicos de territorios relativamente extensos, como as xotas na península ibérica, e outros como a muiñeira ou o maneo, adoptan distintas formas ou báilanse en maior ou menor medida en distintos lugares, mesmo dentro de Galicia, dando conta da inmensa riqueza do noso patrimonio inmaterial.

Con ocasión do Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo, desde Sondanza convidámosvos a bailar todos os estilos e celebrarnos con todas as danzas, mais sempre sen esquecer as orixes de cada unha e as nosas orixes propias, e atendendo as novas formas culturais que xorden para darlles continuidade. Que sigamos bailando moitos séculos máis!

15 views0 comments

Comentarios


bottom of page